Monday 06 de May de 2024

Arrancan dúas actuacións esenciais para o municipio de riveira impulsadas por outras administracións


Tamén se comezou coa demolición da Antiga Fábrica de Castiñeiras para rexenerar esta zona costeira e albergar unha área de ocio

Deron comezo dúas importantes actuacións que, promovidas por outras Administracións, comportan un gran valor medioambiental para o municipio de Riveira.

Dunha parte, operarios comezaron a traballar na instalación da rede que vai desembocar na futura depuradora de Riveira (unha acción cofinanciada pola Xunta e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente) a efectos de conquerir o saneamento integral do municipio. E por outra, tamén se principiaron esta mañá os labores de demolición da ruinosa estrutura da antiga fábrica de Castiñeira co fin de rexenerar esa zona litoral -sitúase a carón da praia do Castro- e crear unha área de ocio e esparcemento (esta obra está promovida polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente).

Pedra Pateira
Así, polo que respecta á EDAR de Riveira, operarios estiveron traballando no parque de Pedra Pateira co fin de construír nese emprazamento un dos tanques de tormenta previsto no proxecto de depuración integral. Está previsto que actúen tamén de inmediato na execución doutro tanque no peirao de Aguiño.

Cómpre lembrar que esta actuación foi adxudicada no pasado mes de agosto á UTE formada por Copasa e Passavant España, por un importe de 15,8 millóns de euros e terá capacidade para prestar servizo a 32.500 habitantes.

Polo que respecta á actuación de Castiñeiras, está sendo acometida por Construcciones López Cao e ten un importe de 505.901 euros.

Rede de sendas
Con esta iniciativa preténdese tanto recuperar esta zona como potenciar o seu uso recreativo a través da creación de redes deportivas e de esparcemento e dunha rede de sendas. A zona de actuación ten unha superficie de 14.200 metros cadrados, cunha superficie construída aproximada de 5.500 metros cadrados.

Conforme ao proxecto elaborado, primeiramente terá lugar a demolición da estrutura que aínda queda en pé e o acondicionamento do terreo en cuestión.

Posteriormente se procederá á revexetación da zona e ao establecemento dos espazos previstos para uso público. Neste senso, crearase unha área deportiva que ocupará unha superficie de 1.120 metros cadrados e albergará unha pista de tenis de 15×32 metros e outra de futbito-baloncesto de 20×32 metros. Este recinto terá un pechamento metálico que quedará oculto tras unha pantalla vexetal formado por plantacións arbóreas autóctonas.

Anexo ao mesmo instalarase unha praza de pavimento de formigón impreso que estará bordeada por un murete de mampostería que servirá así mesmo de miradoiro.

Tamén será acondicionada a explanada situada fronte á antiga fábrica de salazón localizada no extremo sur, á que se lle proporcionará un acabado de pavimento natural terrizo.

Por outra parte, procederase a explanar e acondicionar con pavimento natural terrizo unha zona dirixida ao estacionamento de vehículos.

Por último, para propiciar o tránsito peonil, será executada unha rede de sendas con idéntico acabado en pavimento natural terrizo.